martes, 16 de diciembre de 2014

A INVENTORA DO E-BOOK



Non hai moitos días descubría outro achádego documental dos que a min tanto me gustan, un deses que ten que ver co orgullo creativo galego. Un pobo como o noso, que sempre viviu con retraso respecto á tecnoloxía pero que deu grandes inventores. 

O pasado 10 de decembro cumpríronse 65 anos do primeiro "libro electrónico" coñecido. Agora está de moda e ameaza coa morte do libro tradicional pero quen se podía imaxinar que bastantes anos atrás alguén tivo xa en mente esta idea e a levou a práctica.

Pois ben, unha mestre galega (nacida en León pero que pasou a maior parte da súa vida en Ferrol) foi quen de patentar no 1949 a coñecida daquela como "Enciclopedia Mecánica" podendo dicir que era o primeiro e-book da historia.

Ángela Ruiz Robles, coñecida como "Doña Angelita", creou un libro que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión con pezas intercambiables que se colocaban de tal xeito que facilitaban a comodidade do lector evitando esforzos intelectuais e físicos. Como docente que era pensaba no ben dos seus alumnos e quería alixeirar o peso de tantos libros que levaban xa daquela nas carteiras.

Por desgraza, a "Enciclopedia Mecánica" ainda que se patentou, ninguén a chegou a comercializar. Seguramente porque naqueles anos apostouse por outros proxectos e a súa implementación resultaba moi complexa.

Aquí podedes ver o interesante documento visual de TVE.


No hay comentarios: